Conselleria de Traballo e Benestar
asuntos sociais asunto de todos e todas

Cualificacions

O Sistema de Cualificacións Profesionais de Galicia ponse en marcha baixo a dirección do Consello Galego de Formación Profesional (Decreto 110/1999, do 8 de abril, modificado polo Decreto 214/2003, do 20 de marzo), órgano consultivo e de participación dos axentes sociais e económicos do ámbito galego, que ten como obxectivo básico coordinar todas as ensinanzas e accións de formación profesional que se acometen ou vaian acometer na nosa Comunidade Autónoma, e faise necesaria a constitución do Instituto Galego das Cualificacións (Decreto 93/1999, do 8 de abril) como órgano de carácter técnico que executará, dentro das súas competencias, as liñas aprobadas polo Consello.

Instituto Galego das Cualificacións

Organicamente é unha Subdirección Xeral adscrita á Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo, que xorde como instrumento específico de carácter técnico para velar polo establecemento e xestión en Galicia do Sistema Nacional das Cualificacións Profesionais.

Obxetivos

  • Observar a evolución das ocupacións e das cualificacións.
  • Determinar as cualificacións profesionais nos diferentes sectores produtivos.
  • Acreditar as cualificacións profesionais da poboación activa de Galicia.

Finalidades

  • A mellora da competitividade das empresas.
  • Maior motivación nas persoas.
  • Transparencia do mercado de traballo.
  • Calidade na formación profesional.
  • Orientación profesional das persoas.
  • Facilitar a libre circulación dos traballadores e das traballadoras no territorio nacional e da Unión Europea.

Beneficiarios e beneficiarias

A posta en funcionamento do Instituto Galego das Cualificacións beneficiará ao conxunto da poboación galega. Para ser máis concretos:

  • As empresas e as persoas empregadoras en xeral: coñecerán o que poden esperar das persoas e poderán mellorar a planificación dos recursos humanos.
  • Os e as axentes da formación: terán un referente da competencia necesaria na produción e, deste xeito, disporán de pautas de calidade para orientar as accións formativas e avaliar a idoneidade da oferta no mercado da formación.
  • As persoas: saberán o que se espera delas nas situacións de produción e coñecerán a competencia profesional que lles proporcionará unha meirande capacidade de resposta fronte aos cambios nos modos de produción.