Conselleria de Traballo e Benestar
asuntos sociais asunto de todos e todas

Informe de situación das sociedades laborais galegas

Prema aquí para acceder ao Informe.

Metodoloxía empregada na elaboración do informe

XENERALIDADES.

Tendo en conta que a dinámica de creación, transformación, etc. das sociedades laborais determina que constitúan un universo cambiante, aínda que en expansión, o valor e intención deste directorio, actualizando o preexistente, é divulgar a estrutura e localización das sociedades laborais dentro do ámbito territorial de Galicia, contemplando como variables básicas de referencia os seus datos de identificación. Por iso, toda a información recollida ten como fonte primeira a suma dos que constan no rexistro de sociedades laborais, que recolle, con carácter administrativo, a todas aquelas con sede social en Galicia.

Non obstante, a información obtida a partir da fonte indicada complementouse mediante unha enquisa levada a cabo pola empresa Obradoiro de Socioloxía, S.L.. Esta enquisa pretendía contrastar os datos rexistrais coas propias sociedades, e amplialos en termos dunha serie de informacións que permitan un estudo máis profundo e continuado no tempo, a partir de sucesivas reiteracións, desta expresión peculiar da economía social no noso país. Máis adiante aludirase ao conxunto de datos de que se trata, aínda que pode adiantarse que con esa primeira información se consigue debuxar un panorama básico verbo do funcionamento das sociedades laborais, tomando como referencia o ano 2004, en perspectivas como a súa estrutura societaria, actividade, estrutura de capital, organización laboral, facturación, etc., contemplándose en conxunto 6 variables diferentes a mais das básicas de identificación e localización.

Polo tanto, para esta actualización do Directorio de Sociedades Laborais procedeuse nun dobre sentido: dunha parte, identificando aquelas en situación de actividade e distinguíndoas das que cesaron nela ou están en proceso de facelo; doutra, actualizando unha serie de datos para o primeiro deses subconxuntos: o que corresponde a situacións de actividade, tomando como data de corte desa diferenciación a situación a 30 de novembro de 2004. Así, unha vez actualizados os datos, un segundo paso foi o seu tratamento, tamén en dous sentidos, que corresponden aos dous niveis de contidos que se ofrecen neste directorio:

  • Elaborando unha serie de listados e fichas individualizadas para cada sociedade, cunha orde sistemática, tomando en consideración as variables de clasificación máis relevantes.
  • Elaborando unha síntese estatística descritiva, tomando igualmente en conta as variables devanditas.

PROCEDEMENTO DE ACTUALIZACIÓN E ENQUISA.

Para chegar ao ofrecemento deste directorio, como se dixo, a unha primeira verificación da situación das sociedades, mediante a consulta no rexistro correspondente, seguiu unha enquisa, de carácter censal, restrinxida xa a aquelas en situación de actividade e destinada á devandita actualización dos seus datos:

  • Comezouse entón polo proceso de depuración, para o que se aplicaron dous criterios de maneira simultánea e complementaria: un de caracter normativo, solicitando información a algún dos organismos perante os que, por lei, as sociedades están obrigadas a tributar, declarar, etc.; outro de xestión rexistral, tratándose de estudar en detalle os expedientes para detectar aqueles afectados por tramitacións, concluídas ou en marcha, de disolución. Non obstante, practicamente non houbo que aplicar estes criterios na medida que se dispuxo dunha serie de listados que constituíron en por si marcos ben actualizados de referencia.

  • Atendeuse entón a unha depuración intermedia do directorio, na súa forma nese momento, en orde á comprobación da súa exactitude e exhaustividade, coa finalidade de melloralo na medida do posible, mediante a corrección de eventuais erros toponímicos e a adición de datos telefónicos e postais de localización nos poucos casos en que faltaban ou non estaban actualizados.

  • Seguidamente, procedeuse á clasificación das sociedades que, como froito da primeira depuración, estaban virtualmente activas e ían ser por tanto obxecto da enquisa, agrupándoas, en virtude da súa distribución xeográfica por proximidade, en lotes para unha abordaxe directa, xa que, como se verá, fóra de situacións de imposibilidade ou de indicacións expresas en contra por parte daquelas, sempre a abordaxe para a enquisa se efectuou de xeito presencial.

  • Efectuáronse entón os envíos postais da documentación pertinente, como anticipo do posterior contacto directo que se desdobrou, á súa vez, nun telefónico e noutro xa presencial.

  • Así o procedemento de contacto directo tivo dúas variantes principais:
    1. En disposición de teléfono, procurábase verificar a recepción da documentación e, en caso negativo, procedíase ao reenvío reiniciando o procedemento.
    2. Faltando o teléfono, ou dispóndose del pero habendo ausencia de contacto ou calquera outra eventualidade equivalente, iniciábase o procedemento específico de localización.

Con todo, antes de falar do proceso de localización, debe detallarse a descrición dos procedementos cando se daba un contacto telefónico efectivo. Así:

  • Confirmábase a situación da sociedade, en canto comprobar directamente con ela se:
    1. Estaba activa.
    2. Estaba inactiva.
    3. Cambiara de forma xurídica.

Procedíase entón, segundo os casos, do xeito seguinte:

  • Se estaba activa, iniciábase o proceso de xestión da entrevista, ofrecendo todo un elenco de posibilidades: auto cobertura asesorada, presencialmente ou de xeito remoto; auto cobertura autónoma, con subsanación ulterior por idénticos procedementos; cobertura directa presencial. Estas opcións tiñan carácter virtual, a vontade dos informantes, aínda que se preferiu a abordaxe presencial, fóra da indisposición expresa. Por tanto, este procedemento daba lugar á xestión da cobertura do cuestionario en si, culminase logo ou non, xa por negativa expresa, xa por dilatación da colaboración ata o peche do traballo de campo.

  • No caso das sociedades sen actividade este feito rexistrouse a partir de contactos con socios, verificados ao fío do proceso de abordaxe que se está describindo; non obstante, tamén, como axiña se verá, se chegou a tipificacións deste tipo a través do procedemento de localización que se explica a seguir; sendo ambos os dous procesos sempre presenciais, consignáronse algunhas ilocalizacións definitivas e tipificacións de inactividade a través de informantes indirectos, a partir de contactos telefónicos, mediando sempre o descoñecemento do domicilio da sociedade por parte do servizo de correos.

  • É idéntico, en síntese, o que poida dicirse das sociedades para as que se constatou na abordaxe directa un cambio de forma xurídica.

  • Pola contra, á falta de localización ou contacto respondeuse cun procedemento peculiar que, incluíu, unha reiteración da pescuda nos termos antes mencionados, probando con posibles alternativas de denominación e enderezo e observando sistematicamente os concellos limítrofes, así como ampliando a busca a fontes complementarias.
  • A operación para a actualización do Directorio de Sociedades Laborais, en canto á captura e tratamento básico de datos, levouse a cabo unha vez verificada a depuración inicial, efectuándose a seguir un proceso de revisión e recuperación que, oportunamente rematado, determinou que os traballos foran dados por definitivamente concluídos.

    RECONTOS PRINCIPAIS.

    Final, a partir da depuración e mais da enquisa.

    Este directorio e o informe que o acompaña, plasmado na parte denominada "Informe de Situación", singularmente, constituída por unha serie de gráficos e táboas, toma como referencia tres conxuntos de sociedades:

    • O formado por 2.124 incluídas no rexistro de sociedades laborais ata o 30 de novembro de 2004. O directorio en si e a parte primeira do devandito "Informe de Situación" -"Sociedades Laborais: Descrición das súas Características"- trata deste conxunto.

    • O formado, como subconxunto do anterior, por 1.894 sociedades presumiblemente activas, abordado mediante a enquisa, con resultados que se comentan logo.

    • O formado polas 1.121 sociedades, daquelas, para as que se conseguiu en prazo a información, xa que responderon de xeito efectivo a tal enquisa. A segunda parte do "Informe de Situación", plasmada nunha sección dos gráficos e táboas -"Sociedades Laborais Actualmente en Activo Consideradas no Estudo"- refírese aos datos de estrutura e funcionamento fornecidos por estas sociedades.

    Tomando aquel conxunto de 2.124 sociedades, xa como produto de tarefas de depuración a partir dos listados do rexistro, xa dos traballos para a enquisa, naquela devandita primeira parte dos gráficos e táboas, desde o punto de vista da súa situación, distribúese do xeito seguinte:

    • Sociedades activas, 1.250; nos próximos epígrafes sinálanse cunha letra "A" aqueles subconxuntos que nos sucesivos recontos foron nutrindo esta categoría.

    • Sociedades inactivas, 435; nos próximos epígrafes sinálanse cunha letra "B" aqueles subconxuntos que nos sucesivos recontos foron nutrindo esta categoría.

    • Sociedades para as que non consta a situación de actividade, 439; nos próximos epígrafes sinálanse cunha letra "C" aqueles subconxuntos que nos sucesivos recontos foron nutrindo esta categoría.

    Agora se verá como se foi configurando gradualmente esta distribución

    A partir da depuración inicial do directorio.

    Cando se iniciaron os traballos o universo inicial en estudo -N1- estaba delimitado por 2.124 unidades, como sociedades laborais constituídas e rexistradas antes do 30 de novembro de 2004. Este é, do xeito referido, o universo obxecto da primeira análise no "Informe de Situación" agora ofrecido, e para o que se formulan diversas observacións, principalmente a partir dos datos de que dispón a Consellería de Traballo como froito do seu rexistro -suplementándoos con outros tirados da enquisa, en canto a aquela determinación da situación das sociedades-.

    Non obstante, para actualizar o directorio, e, a partir de tal actualización, dirixir unha enquisa ás sociedades, facíase preciso determinar, como subconxunto de N1, o universo -N2- constituído polas daquelas que estaban activas. En primeiro termo ese feito determinouse a partir da consideración efectiva de tal eventualidade no rexistro. Así pois, desde ese punto de vista, a distribución daquelas 2.124 sociedades laborais, de xeito previo á enquisa, foi a que se ofrece a seguir:

    1. Activas virtualmente: 1.894.
    2. Inactivas: 230, entendendo por tales as que carecen de actividade e/ou foron descualificadas como sociedades laborais, na medida que tramitaran a súa baixa antes de decembro de 2004, incorporándose pois ao subconxunto "B" de sociedades inactivas-.
    • De acordo coa metodoloxía prevista, por razóns evidentes, este conxunto de 230 sociedades que estaban inactivas e de baixa excluíuse en primeiro termo de cara á enquisa.

    • Excluídas pois estas 230 sociedades, o valor N2 calculouse naquelas 1.894 -N2=1.894-, como mostra autorepresentada do universo referencial de sociedades laborais presumiblemente activas -activas, en canto non disoltas, extintas ou descualificadas antes do 30 de novembro de 2004-, sendo este o número definitivo de unidades que foron obxecto da enquisa.

    A partir de aquí, por tanto, o que poida dicirse desas 1.894 sociedades é produto do esforzo efectuado no proceso de traballo de campo.

    A partir da enquisa.

    Continuando na liña do anterior, a realización da enquisa tivo por efecto a seguinte clasificación das 1.894 sociedades inicialmente consideradas para ela:

    • 1.250 sociedades activas, como feito comprobado, que configuraran o que se chamou subconxunto "A", divididas á súa vez en:
      1. 1.121 que responderon, e que supoñen a mostra útil con que está constituída a segunda parte do "Informe de Situación".
      2. 58 que se negaron a responder a enquisa.
      3. 71 que, sen negarse, non materializaron a súa cooperación en prazo e foron catalogadas como "pendentes".
    • 205 inactivas, no sentido amplo anteriormente referido, como feito comprobado na enquisa que engrosaron o subconxunto "B" de sociedades sen actividade.

    • 59 non enquisables, sendo todos os casos empresas que continúan a súa actividade baixo outra forma xurídica distinta da de sociedade laboral; engrosaron o subconxunto "C" conformado por aquelas para as que formalmente non existe constancia de actividade.

    • 380 ilocalizadas cos datos dispoñibles e aplicando o procedemento descrito, coas que tamén se engrosou o subconxunto "C".

    Por certo que, e isto debe subliñarse, no caso das negativas, pendentes, non enquisables e mesmo sen actividade, fóronse incorporando á base de datos aqueles novos que melloraban o rexistro inicial e que se foron obtendo ao fío da acción en campo.

    OFRECEMENTO DE DATOS.

    En particular, como froito dos traballos, ofrécense dous grandes bloques de información:

    • O directorio en si, actualizado a 30 de novembro de 2004, e só con significado informativo -xa que son os datos rexistrados os únicos que teñen valor xurídico-, accesible mediante un buscador textual ou a partir dun mapa de localización, sendo estes elementos que constan no menú da páxina. Mediante calquera dos dous procedementos, é posible a realización de consultas, empregando como criterio de busca calquera das principais variables de rexistro e caracterización, podendo combinar e xerarquizar tales variables como criterios para xerar listados e localizar sociedades concretas, ofrecéndose para todas as incluídas unha ficha individualizada de datos.

    • O "Informe de Situación", accesible na entrada do menú con esa denominación, tirado dunha análise de características básicas das sociedades e dos resultados da enquisa, presentado visualmente a través dunha dilatada serie de gráficos e táboas -273-, susceptibles de distintos itinerarios de consulta, mediante un sub-menú, segundo os intereses de quen procure neles información.

    Así pois, dentro da análise de características básicas, referida ao total de 2.124 sociedades rexistradas na data de referencia aténdese á rexistrar serie de variables, en si e na súa interrelación:

    • Distribución provincial
    • Data de inscrición.
    • Tipo.
    • Situación actual.
    • Orientación económica -CNAE-.

    Na observación dos resultados da enquisa, tirados das 1.121 sociedades que colaboraron efectivamente no estudo, practicamente un 90% das 1.250 que están en activo, das que se procurou tal colaboración, as variables observadas, en si e na súa interrelación, son:

    • As antes referidas pero estudadas agora en particular para a mostra.
    • A orientación económica -CNAE- declarada respecto da rexistrada.
    • A existencia de persoas xurídicas entre os socios e a tipoloxía destes.
    • A composición por sexos dos socios persoas físicas.
    • A existencia de persoal asalariado e a súa composición.
    • O capital social e a súa estrutura por orixe.
    • Cifra de negocio en 2001, 2002 e 2003.

    Velaí os contidos e posibilidades de consulta que se poñen a disposición da poboación xeral e dos expertos para un mellor coñecemento desta modalidade específica da iniciativa social no eido económico, na súa realidade tanxible.

Trámites en liña

COOPERATIVAS  

Asociacións do Sector

Asociacións de cooperativas