Conselleria de Traballo e Benestar
asuntos sociais asunto de todos e todas

Informe de situación dos centros especiais de emprego

Prema aquí para acceder ao Informe.

Metodoloxía empregada na elaboración do informe

XENERALIDADES.

Tendo en conta que a dinámica de creación e evolución dos centros especiais de emprego determina que constitúan un universo cambiante, aínda que en expansión, o valor e intención deste directorio, actualizando o preexistente, é divulgar a estrutura e localización das entidades titulares deses centros -os datos da enquisa que se aludirá demostran que só no 3% dos casos o ou a titular é unha persoa física, polo que se opta por referirse xenericamente a "entidades"- e, sobre todo, a dos centros mesmos, dentro do ámbito territorial de Galicia, contemplando como variables básicas de referencia, nun e noutro caso, os seus datos de identificación. Por iso, toda a información recollida ten como fonte primeira a suma dos que constan no rexistro, que recolle, con carácter administrativo, a todas aquelas entidades titulares e centros con sede na nosa comunidade.

Non obstante, a información obtida a partir da fonte indicada complementouse mediante unha enquisa levada a cabo pola empresa Obradoiro de Socioloxía, S.L.. Esta enquisa pretendía contrastar os datos rexistrais coas propias entidades e centros, e amplialos en termos dunha serie de datos que permitan, no ámbito de Galicia, un estudo máis profundo e continuado no tempo, a partir de sucesivas reiteracións, desta expresión peculiar da economía social: un carácter, este, que lle vén recoñecido pola propia normativa que os regula, en canto lles outorga unha específica función integradora de determinada poboación con discapacidades no mundo laboral. En todo caso, máis adiante aludirase ao conxunto de datos de que se trata, aínda que pode adiantarse que con esa información se consigue debuxar un panorama básico verbo do funcionamento dos centros especiais de emprego, tomando como referencia o ano 2004, en perspectivas como o capital social das entidades titulares, o número de centros que dependen delas e, xa para estes, a súa actividade, organización laboral, características dos traballadores con discapacidades, facturación, etc., contemplándose en conxunto 2 variables diferentes, a mais das básicas de identificación e localización, no caso das entidades titulares, e 9 ao se tratar concretamente dos centros.

Polo tanto, para esta posta ao día do Directorio de Centros Especiais de Emprego procedeuse nun triplo sentido: dunha parte, identificando aquelas entidades en situación de actividade como titulares de centros, distinguíndoas das que cesaron nela ou están en proceso de facelo; doutra, actualizando unha serie de datos para o primeiro deses subconxuntos: o que corresponde a situacións de actividade, tomando como data de corte desa diferenza o 30 de novembro de 2004, en terceiro lugar, actualizando coa mesma referencia temporal os datos de identificación dos centros e incorporando outros novos -os que constitúen a achega específica da enquisa-. Así, unha vez actualizados os datos -e ampliados en virtude da enquisa devandita-, un paso posterior foi o seu tratamento, tamén en dous sentidos, que corresponden aos dous niveis de contidos que se ofrecen neste directorio:

Ø      Elaborando unha serie de listados e fichas individualizadas para cada entidade e centro, cunha orde sistemática, tomando en consideración as variables de clasificación máis relevantes.

Ø      Elaborando unha síntese estatística descritiva, tomando igualmente en conta as variables devanditas como independentes e mais outras dependentes definidas "ad hoc".

PROCEDEMENTO DE ACTUALIZACIÓN E ENQUISA.

Para chegar ao ofrecemento deste directorio, como se dixo, a unha primeira verificación da situación das entidades, mediante a consulta no rexistro correspondente, seguiu unha enquisa de carácter censal, restrinxida xa a aquelas en situación de actividade, e destinada á devandita actualización dos seus datos e á obtención dos específicos referidos aos centros como tales. En síntese esta foi a secuencia do procedemento seguido:

Ø      Comezouse polo proceso de depuración, para o que se aplicou un criterio de xestión rexistral, tratándose de estudar en detalle os expedientes para detectar aqueles afectados por tramitacións, concluídas ou en marcha, de baixa. Non obstante, como se comentará, non apareceron casos en tal circunstancia.

Ø      Atendeuse entón a unha depuración intermedia do directorio, na súa forma nese momento, en orde á comprobación da súa exactitude e exhaustividade, coa finalidade de melloralo na medida do posible, mediante a corrección de eventuais erros toponímicos e a adición de datos telefónicos e postais de localización nos poucos casos en que faltaban ou non estaban actualizados, debendo sinalarse pois que practicamente non houbo que proceder neste sentido, na medida que se dispuxo dunha serie de listados que constituíron en por si marcos ben actualizados de referencia..

Ø      Seguidamente procedeuse á clasificación das entidades que, como froito da primeira depuración, estaban virtualmente activas -todas, xa que logo- e ían ser, por tanto, obxecto da enquisa, agrupándoas, en virtude da súa distribución xeográfica por proximidade, en lotes para unha abordaxe directa, xa que, como se verá, fóra de situacións de imposibilidade ou de indicacións expresas en contra por parte daquelas, sempre a abordaxe para a enquisa se levou a cabo de xeito presencial.

Ø      Efectuáronse entón os envíos postais da documentación pertinente, como anticipo do posterior contacto directo que se desdobrou, á súa vez, nun telefónico e noutro xa presencial.

Ø      Así o procedemento de contacto directo tivo dúas variantes principais:

§   En disposición de teléfono, procurábase verificar a recepción da documentación e, en caso negativo, procedíase ao reenvío reiniciando o procedemento.

§   Faltando o teléfono, ou dispóndose del pero habendo ausencia de contacto ou calquera outra eventualidade equivalente, iniciábase o procedemento específico de localización.

Con todo, antes de falar dese proceso de localización, debe detallarse a descrición dos procedementos cando se daba un contacto telefónico efectivo. Así:

Ø      Confirmábase a situación da entidade, en canto comprobar de novo, agora directamente con ela, se:

§   Estaba activa.

§   Estaba inactiva.

Ø      Se estaba activa, iniciábase o proceso de xestión da entrevista, ofrecendo todo un elenco de posibilidades: auto-cobertura asesorada, presencialmente ou de xeito remoto; auto-cobertura autónoma, con subsanación ulterior por idénticos procedementos, cobertura directa presencial. Estas opcións tiñan carácter virtual, a vontade dos informantes, aínda que se preferiu a abordaxe presencial, fóra da indisposición expresa. Por tanto este procedemento daba lugar á xestión da cobertura do cuestionario en si, culminase logo ou non, xa por negativa expresa, xa por dilatación da colaboración ata o peche do traballo de campo.

Ø      No caso das entidades titulares sen actividade este feito rexistrouse a partir dos contactos verificados ao fío do proceso de abordaxe que se está describindo; non obstante, tamén, como axiña se verá, chegouse a tipificacións deste tipo a través do procedemento de localización que se explica a seguir; sendo ambos os dous procesos sempre presenciais. Así consignáronse algunhas tipificacións de inactividade -tamén algunhas ilocalizacións definitivas- a través de informantes indirectos, a partir de contactos telefónicos, mediando sempre o descoñecemento do domicilio da entidade ou centro por parte do servizo de correos.

Ø      Particularmente, á falta de localización ou contacto respondeuse cun procedemento peculiar que incluíu unha reiteración da pescuda nos termos antes mencionados, probando con posibles alternativas de denominación e enderezo e observando sistematicamente os concellos limítrofes, así como ampliando a busca a fontes complementarias.

A partir deste punto, falando en termos formais de procedemento, a operación para a actualización do Directorio de Centros Especiais de Emprego, en canto á captura e tratamento básico de datos, levouse a cabo unha vez verificada a depuración inicial, efectuándose a seguir un proceso de revisión e recuperación que, oportunamente rematado, determinou que os traballos foran dados por definitivamente concluídos.

RECONTOS PRINCIPAIS.

Final, a partir da depuración e mais da enquisa.

Este directorio e o informe que o acompaña, plasmado na parte denominada "Informe de Situación", singularmente, constituída por unha serie de gráficos e táboas, toma como referencia tres conxuntos:

Ø      O formado por 91 entidades incluídas no rexistro ata o 30 de novembro de 2004. O directorio en si, na súa referencia a titulares, e a parte primeira, do 1º ao 6º, dos devanditos gráficos e táboas no "Informe de Situación" -"Centros Especiais de Emprego: Descrición das súas Características"- tratan deste conxunto, no caso do informe, particularmente, da súa distribución provincial, actividade económica, antigüidade e situación.

Ø      O formado polas 67 entidades, das 74 constatadas como activas na enquisa, para as que se conseguiu en prazo a información, xa que responderon de xeito efectivo. A segunda parte do "Informe de Situación" -"Centros Especiais de Emprego: Descrición das súas Características"-, do 7º ao 13º dos devanditos gráficos e táboas, refírese aos datos de distribución provincial, antigüidade, forma xurídica, capital social e número de centros dependentes fornecidos por estas entidades.

Ø      O definido polos 102 centros en funcionamento dependentes daquelas 67 entidades titulares que colaboraron na enquisa. Ademais da correspondente inclusión no directorio, a terceira parte do "Informe de Situación" -"Centros Especiais de Emprego: Descrición das súas Características"-, do 14º ao 66º e último dos gráficos e táboas, analiza e presenta as principais magnitudes tiradas desa mostra en canto distribución provincial; actividade económica específica; emprego e características deste, nomeadamente para o persoal afectado por discapacidades; prestación de servizos de axuste persoal ou social, así como cifra de negocio nos tres últimos exercicios previos á enquisa.

Tomando aquel conxunto de 91 entidades titulares, como produto dos traballos para a enquisa -lémbrese que non apareceron casos de inactividade nas tarefas de depuración a partir dos listados do rexistro-, desde o punto de vista da súa situación, distribúese do xeito seguinte:

Ø      Entidades activas, 74; nun próximo epígrafe sinálanse cunha letra "A" aqueles subconxuntos que nos sucesivos recontos foron nutrindo esta categoría.

Ø      Entidades inactivas, 10; nese próximo epígrafe sinálase cunha letra "B" aquel subconxunto que constitúe esta categoría.

Ø      Entidades para as que non consta a situación de actividade, 7; igualmente sinalarase cunha letra "C" aquel subconxunto que nutriu esta categoría.

Agora se verá como se foi configurando gradualmente esta distribución

A partir da depuración inicial do directorio.

Cando se iniciaron os traballos o universo inicial en estudo -N1- estaba delimitado por 91 unidades, como entidades rexistradas antes do 30 de novembro de 2004. Este é, do xeito referido, o universo obxecto da primeira análise no "Informe de Situación" agora ofrecido e para o que se formulan diversas observacións a partir dos datos de que dispón a Consellería de Traballo como froito do seu rexistro.

Non obstante, para actualizar o directorio e, a partir de tal actualización, dirixir a enquisa, facíase preciso determinar, como subconxunto de N1, o universo -N2- constituído polas que estaban activas. En primeiro termo, como xa se aludiu, ese feito determinouse a partir da consideración efectiva de tal eventualidade no rexistro, resultando que N1=N2. Así pois, desde ese punto de vista, a distribución daquelas 91 entidades, de xeito previo á enquisa, foi a que se ofrece a seguir:

§   Activas virtualmente: 91.

§   Inactivas: 0, non constando como produto da depuración documental nin carencia ningunha de actividade nin tramitacións de baixa antes de decembro de 2004.

De acordo coa metodoloxía prevista, por razóns evidentes, aquel conxunto de 91 entidades, sen exclusión pois de ningunha por estar inactiva ou de baixa, considerouse de cara á enquisa como mostra auto-representada do universo referencial de entidades titulares de centros especiais de emprego presumiblemente activas -activas, en canto non disoltas, extintas ou descualificadas antes do 30 de novembro de 2004-, sendo este o número definitivo de unidades que foron obxecto da enquisa.

A partir de aquí, por tanto, o que poida dicirse desas 91 entidades é produto do esforzo efectuado no proceso de traballo de campo.

A partir da enquisa.

Continuando na liña do anterior, a realización da enquisa tivo por efecto a seguinte clasificación das 91 entidades inicialmente consideradas para ela:

Ø      74 entidades activas, como feito comprobado, que configuraran o que se chamou subconxunto "A", divididas á súa vez en:

§   67 que responderon, que supoñen a mostra útil a partir da que está elaborada a segunda parte do "Informe de Situación".

§   1 que se negou a responder á enquisa.

§   6 que, sen negarse, non materializaron a súa cooperación en prazo e foron catalogadas como "pendentes".

Ø      10 inactivas, no sentido amplo anteriormente referido, como feito comprobado na enquisa e que formaron o subconxunto "B" de sociedades sen actividade.

Ø      7 ilocalizadas cos datos dispoñibles e aplicando o procedemento descrito, coas que se configurou o subconxunto "C".

Por certo que, e isto debe subliñarse, no caso das negativas, pendentes, non enquisables e mesmo sen actividade, fóronse incorporando á base de datos aqueles novos que melloraban o rexistro inicial e que se foron obtendo ao fío da acción en campo.

OFRECEMENTO DE DATOS.

En particular, como froito dos traballos, ofrécense dous grandes bloques de información:

Ø      O directorio en si, actualizado a 30 de novembro de 2004, referido a entidades titulares e centros especiais de emprego dependentes destas, e só con valor informativo -xa que son os datos rexistrados os únicos que teñen valor xurídico-, accesible mediante un buscador textual ou a partir dun mapa de localización, sendo estes elementos que constan no menú da páxina. Por calquera dos dous procedementos é posible a realización de consultas, empregando como criterio de busca calquera das principais variables de rexistro e caracterización, podendo combinar e xerarquizar tales variables como criterios para xerar listados e localizar titulares e centros concretos, ofrecéndose para todos os incluídos unha ficha individualizada de datos.

Ø      O "Informe de Situación", accesible na entrada do menú con esa denominación, tirado dunha análise de características básicas das entidades titulares e dos resultados da enquisa, para estas e os centros, presentado visualmente a través dunha ampla serie de gráficos e táboas -66-, susceptibles de distintos itinerarios de consulta, mediante un subguión-menú, segundo os intereses de quen procure neles información.

Así pois, dentro da análise de características básicas, referida ao total de 91 entidades titulares rexistradas na data de referencia, aténdese a unhas poucas variables:

§   Distribución provincial.

§   Orientación económica -CNAE-.

§   Data de inscrición.

§   Situación actual.

Na observación dos resultados da enquisa, tirados das 67 entidades titulares que colaboraron efectivamente no estudo -un 90,5% das 74 que se verificou positivamente que están en activo- e das que se procurou tal colaboración, as variables consignadas son:

§   Distribución provincial.

§   Data de inscrición.

§   Carácter de persoa física ou xurídica do titular.

§   No primeiro caso -65 dos 67 titulares-, forma xurídica.

§   Capital social e procedencia deste.

§   Número de centros.

E xa para os 102 centros dependentes dos devanditos 67 titulares, de acordo con apuntamentos anteriores, son estas as variables, considerándoas en si e na súa interrelación -ata o punto que a análise xeral se reitera logo para os distintos segmentos definidos pola CNAE-:

§   Distribución provincial.

§   Orientación económica -CNAE- declarada respecto da rexistrada da entidade titular.

§   Volume da ocupación xerada.

§   Composición da poboación ocupada por incidencia de discapacidades.

§   Grao desas discapacidades.

§   Composición por intervalos de idade da poboación ocupada con discapacidades.

§   Composición por nivel de estudos da poboación ocupada con discapacidades.

§   Composición por tipo de xornada da poboación ocupada con discapacidades.

§   Previsión de tendencia evolutiva, e estimación cuantitativa desta, do volume de poboación ocupada con discapacidades.

§   Prestación de servizos de axuste persoal e/ou social á poboación ocupada con discapacidades.

§   Eventual detalle de tales servizos.

§   Eventual detalle do nivel de formación do persoal prestador de tales servizos.

§   Cifra de negocio en 2001, 2002 e 2003.

Velaí os contidos e posibilidades de consulta que se poñen a disposición da poboación xeral e dos expertos para un mellor coñecemento, na súa realidade tanxible, desta modalidade específica da iniciativa social no eido económico.

Trámites en liña

COOPERATIVAS  

Asociacións do Sector

Asociacións de cooperativas