Informe de situación das cooperativas galegas
Prema aquí para acceder ao Informe.
Metodoloxía empregada na elaboración do informe
XENERALIDADES.
Tendo en conta que a dinámica de creación,
transformación, etc. das cooperativas determina que constitúan un universo
cambiante, aínda que en expansión, o valor e intención deste directorio,
actualizando o preexistente, é divulgar a estrutura e localización das
sociedades cooperativas dentro do ámbito territorial de Galicia, contemplando
como variables básicas de referencia os seus datos de identificación. Por iso,
toda a información recollida ten como fonte primeira a suma dos que constan no
Rexistro de Cooperativas de Galicia. De acordo cunha normativa precisa, en
razón das características das sociedades, este rexistro estrutúrase en catro de
carácter provincial, situados nas correspondentes delegacións provinciais da
Consellería de Traballo, e no Rexistro Central de Cooperativas.
Non obstante, a información obtida a partir da fonte indicada
complementouse mediante unha enquisa levada a cabo
pola empresa Obradoiro de Socioloxía, S.L.. Esta enquisa pretendía
contrastar os datos rexistrais coas propias sociedades, e amplialos en termos
dunha serie de informacións que permitan un estudo máis profundo e continuado
no tempo, a partir de sucesivas reiteracións, do fenómeno cooperativista no
noso país. Máis adiante aludirase o conxunto de datos de que se trata,
aínda que pode adiantarse que debuxa un panorama relativamente extenso verbo do
funcionamento das sociedades cooperativas, tomando como referencia o ano 2004,
en perspectivas como a súa estrutura, facturación, etc., contemplándose en
conxunto 55 variables diferentes.
Polo
tanto, para esta actualización do Directorio de Sociedades Cooperativas
procedeuse nun dobre sentido: dunha parte, identificando aquelas en
situación de actividade e distinguíndoas das que cesaron nela ou están en
proceso de facelo; doutra, actualizando unha serie de datos para o primeiro
deses subconxuntos: o que corresponde a situacións de actividade,
tomando como data de corte desa diferenciación a situación a 30 de novembro
de 2004. Así, unha vez actualizados os datos, un segundo paso foi o seu
tratamento, tamén en dous sentidos, que corresponden aos dous niveis de
contidos que se ofrecen neste directorio:
- Elaborando unha serie de listados e fichas individualizadas para cada sociedade, cunha orde sistemática, tomando en consideración
as variables de clasificación máis relevantes.
- Elaborando unha síntese estatística descritiva, tomando igualmente en conta as variables devanditas.
PROCEDEMENTO DE ACTUALIZACIÓN E ENQUISA.
Para chegar ao ofrecemento deste directorio, como se dixo, a unha primeira
verificación da situación das sociedades, mediante a consulta no rexistro
correspondente, seguiu unha enquisa, de carácter censal, restrinxida
xa a aquelas en situación de actividade e destinada á devandita
actualización dos seus datos:
- Comezouse entón polo proceso de depuración, para o que se aplicaron dous criterios:
- Normativo. Desde este punto de vista, o
Decreto 430/2001, contendo o Regulamento do Rexistro de Cooperativas de
Galicia, desenvolvendo a Lei 5/1998, de 18 de decembro, de Cooperativas de
Galicia, fixa uns prazos de obrigado cumprimento para a adaptación dos
estatutos das sociedades a tal lei, establecendo un calendario para a mesma en
razón da data de constitución, de xeito que a ausencia desa adaptación, en
virtude da lei mesma, implica a disolución de pleno dereito. Por tanto
empregouse a satisfacción dese requisito na altura da data de referencia como
criterio principal de depuración inicial.
- De xestión rexistral. Desde este punto de
vista, tratouse de, a seguir, estudar en detalle os expedientes que subsistían
como potencialmente activos, para detectar aqueles afectados por tramitacións,
concluídas ou en marcha, de disolución. Non obstante, practicamente non houbo
que aplicar este criterio na medida que se dispuxo dunha serie de listados que
constituíron en por si marcos ben actualizados de referencia.
- Atendeuse entón a unha depuración
intermedia do directorio, na súa forma nese momento, en orde á comprobación
da súa exactitude e exhaustividade, coa finalidade de melloralo na medida do
posible, mediante a corrección de eventuais erros toponímicos e a adición de
datos telefónicos e postais de localización nos poucos casos en que
faltaban ou non estaban actualizados.
- Seguidamente, procedeuse á clasificación das sociedades que,
como froito da primeira depuración, estaban virtualmente activas e ían ser
por tanto obxecto da enquisa, agrupándoas, en virtude da súa
distribución xeográfica por proximidade, en lotes para unha abordaxe directa,
xa que, como se verá, fóra de situacións de imposibilidade ou de indicacións
expresas en contra por parte daquelas, sempre a abordaxe para a enquisa se
efectuou de xeito presencial.
- Efectuáronse entón os envíos postais da
documentación pertinente, como anticipo do posterior contacto directo que
se desdobrou, á súa vez, nun telefónico e noutro xa presencial.
- Así o procedemento de contacto directo tivo dúas variantes
principais:
- En disposición de teléfono, procurábase verificar a recepción da
documentación e, en caso negativo, procedíase ao reenvío reiniciando o
procedemento.
- Faltando o teléfono, ou dispóndose del pero habendo ausencia de
contacto ou calquera outra eventualidade equivalente, iniciábase o procedemento
específico de localización.
Con todo, antes de falar do proceso de localización, debe detallarse a descrición
dos procedementos cando se daba un contacto telefónico efectivo. Así:
- Confirmábase a situación de sociedade, en canto comprobar directamente con ela se:
- Estaba activa.
- Estaba inactiva.
- Cambiara de forma xurídica.
Procedíase entón, segundo os casos, do xeito seguinte:
- Se estaba activa, iniciábase o proceso de xestión da entrevista, ofrecendo todo un elenco de posibilidades: auto cobertura asesorada,
presencialmente ou de xeito remoto; auto cobertura autónoma, con subsanación
ulterior por idénticos procedementos; cobertura directa presencial. Estas
opcións tiñan carácter virtual, a vontade dos informantes, aínda que se
preferiu a abordaxe presencial, fóra da indisposición expresa. Por tanto, este
procedemento daba lugar á xestión da cobertura do cuestionario en si, culminase
logo ou non, xa por negativa expresa, xa por dilatación da colaboración ata o
peche do traballo de campo.
- No caso das sociedades sen actividade este feito rexistrouse a partir
de contactos con socios, verificados ao fío do proceso de abordaxe que se está describindo; non obstante, tamén, como axiña se
verá, se chegou a tipificacións deste tipo a través do procedemento
de localización que se explica a seguir; sendo ambos e dous procesos sempre
presenciais.
- É idéntico, en síntese, o que poida dicirse das sociedades para as que
se constatou na abordaxe directa un cambio de forma
xurídica.
- Pola contra, á falta de localización ou contacto respondeuse cun
procedemento peculiar que, incluíu, unha reiteración da pescuda nos termos
antes mencionados, probando con posibles alternativas de denominación e
enderezo e observando sistematicamente os concellos limítrofes, así como
ampliando a busca a fontes complementarias.
A operación para a actualización do
Directorio de Sociedades Cooperativas, en canto á captura e tratamento básico
de datos, levouse a cabo unha vez verificada a depuración inicial, efectuándose
a seguir un proceso de revisión e recuperación que, oportunamente rematado,
determinou que os traballos foran dados por definitivamente concluídos.
RECONTOS PRINCIPAIS.
Final, a partir da depuración e mais da enquisa.
Este directorio e o informe que o acompaña,
plasmado na parte denominada "Informe de Situación", singularmente,
constituída por unha serie de gráficos e táboas, toma como referencia tres
conxuntos de cooperativas:
- O formado por 3.627 sociedades incluídas no Rexistro de Cooperativas de
Galicia ata o 30 de novembro de 2004. O directorio en
si e a parte primeira do devandito "Informe de Situación" -"Cooperativas de
Galicia: Descrición das súas Características"- trata deste conxunto.
- O formado, como subconxunto do anterior, por 1.049 sociedades
presumiblemente activas, abordado mediante a enquisa, con resultados que se
comentan logo.
- O formado polas 596 sociedades para as que se conseguiu en prazo a
información, dentro das 598 que responderon de xeito efectivo a tal enquisa.
A segunda parte do "Informe de Situación", plasmada nunha sección dos
gráficos e táboas -"Cooperativas de Galicia Actualmente en Activo
Consideradas no Estudo"- refírese aos datos de estrutura e
funcionamento fornecidos por estas sociedades.
Tomando aquel conxunto de 3.627 sociedades, xa como produto de tarefas de
depuración a partir dos listados do rexistro, xa dos traballos para a enquisa,
naquela devandita primeira parte dos gráficos e táboas, desde o punto de
vista da súa situación, distribúese do xeito seguinte:
- Sociedades activas, 754; nos próximos
epígrafes sinálanse cunha letra "A" aqueles subconxuntos que nos sucesivos
recontos foron nutrindo esta categoría.
- Sociedades inactivas, 353; nos próximos
epígrafes sinálanse cunha letra "B" aqueles subconxuntos que nos
sucesivos recontos foron nutrindo esta categoría.
- Sociedades para as que non consta a situación de actividade, 2.520; nos próximos epígrafes sinálanse cunha letra "C" aqueles
subconxuntos que nos sucesivos recontos foron nutrindo esta categoría.
Agora se verá como se foi configurando gradualmente esta distribución
A partir da depuración inicial do directorio.
Cando se iniciaron os traballos o universo inicial en estudo -N1-
estaba delimitado por 3.627 sociedades que constaban no Rexistro de
Cooperativas de Galicia como constituídas e rexistradas antes do 30 de novembro
de 2004. Este é, do xeito referido, o universo obxecto da
primeira análise no "Informe de Situación" agora ofrecido, e para o que se
formulan diversas observacións, principalmente a partir dos datos de que
dispón a Consellería de Traballo como froito do seu rexistro
-suplementándoos con outros tirados da enquisa, en canto a aquela determinación
da situación das sociedades-.
Non obstante, para actualizar o directorio, e, a partir de tal actualización,
dirixir unha enquisa ás cooperativas, facíase preciso determinar, como
subconxunto de N1, o universo -N2- constituído polas
daquelas que estaban activas. En primeiro termo ese feito determinouse a
partir da consideración efectiva de tal eventualidade no rexistro. Así
pois, desde ese punto de vista, a distribución daquelas 3.627 Sociedades
Cooperativas, de xeito previo á enquisa, foi a que se ofrece a seguir:
- Activas virtualmente: 1.002.
- Non localizadas: 4.
- Sen constancia de actividade: 2.525.
- Inactivas: 96 -incorporáronse ao subconxunto "B" de sociedades inactivas-.
- De acordo coa metodoloxía prevista, por razóns evidentes, o conxunto de
2.621 sociedades que resultan de sumar inactivas e sen constancia de actividade
excluíuse en primeiro termo de cara á enquisa.
- Non obstante, a partir de considerar en detalle o estado da base de
datos da que se partía, considerouse conveniente, dentro das sociedades sen
constancia de actividade e pois descartadas, pescudar cales foran constituídas
entre o 1 de outubro de 2003 e o 30 de novembro de 2004, resultando entón que
49 estaban nesa situación; resultando tamén por tanto que 2.476 debían,
excluíndose da enquisa, engrosar o que se chamou subconxunto "C" de sociedades
para as que non constaba aquela eventualidade.
- Incorporando aquelas 49 ao conxunto das que debían ser obxecto da
enquisa e sumándoas pois ás 1.002 sociedades activas e 4 non localizadas,
estableceuse unha cifra teórica para aquela de 1.055 sociedades.
- Porén apareceron 5 casos que, se ben na base figuraban como activas,
tiñan rexistrada unha data de disolución anterior á de corte: o 30 de novembro
de 2004. Asemade, 1 máis, que tamén constaba como activa, tiña rexistrada unha
data de extinción igualmente anterior a aquela; as 6 computáronse no
subconxunto "B" de sociedades inactivas.
- Excluídas pois estas 6 sociedades, o valor N2 calculouse
en 1.049 -N2=1.049-, como mostra autorepresentada do universo
referencial de Sociedades Cooperativas presumiblemente activas -activas ou
ilocalizadas non disoltas ou extintas antes do 30 de novembro de 2004-, sendo
este o número definitivo de unidades que foron obxecto da enquisa.
- A partir de aquí, por tanto, o que poida dicirse desas 1.049 cooperativas é
produto do esforzo efectuado no proceso de traballo de campo.
A partir da enquisa.
Continuando na liña do anterior, a realización da enquisa tivo por efecto a seguinte
clasificación das 1.049 sociedades inicialmente consideradas para ela:
- 754 sociedades activas, como feito comprobado,
que configuraran o que se chamou subconxunto "A", divididas á súa vez en:
- 598 que responderon, das que a mostra útil con
que está constituída a segunda parte do "Informe de Situación[1]" se limita a 596.
- 93 que se negaron a responder a enquisa.
- 63 que, sen negarse, non materializaron a
súa cooperación en prazo e foron catalogadas como "pendentes".
- 251 inactivas como feito comprobado na enquisa
que engrosaron o subconxunto "B" de sociedades sen actividade.
- 34 non enquisables, sendo todos os casos
empresas que, por circunstancias especiais, engrosaron o subconxunto "C" conformado por aquelas para as que formalmente non existe constancia de
actividade.
- 10 ilocalizadas cos datos dispoñibles e
aplicando o procedemento descrito, coas que tamén se engrosou o subconxunto"C".
Por certo que, e isto debe subliñarse, no caso das
negativas, pendentes, non enquisables e mesmo sen actividade, fóronse
incorporando á base de datos aqueles novos que melloraban o rexistro inicial e
que se foron obtendo ao fío da acción en campo.
OFRECEMENTO DE DATOS.
En particular, como froito dos traballos, ofrécense dous grandes bloques de información:
- O directorio en si, actualizado a 30 de novembro de 2004, e só con significado informativo -xa que son os datos rexistrados os
únicos que teñen valor xurídico-, accesible mediante un buscador textual ou a
partir dun mapa de localización, sendo estes elementos que constan no menú da
páxina. Mediante calquera dos dous procedementos, é posible a realización de
consultas, empregando como criterio de busca calquera das principais variables
de rexistro e caracterización, podendo combinar e xerarquizar tales variables como
criterios para xerar listados e localizar sociedades concretas, ofrecéndose
para todas as incluídas unha ficha individualizada de datos.
- O "Informe de Situación", accesible na entrada do menú con esa denominación, tirado dunha
análise de características básicas das sociedades e dos resultados da enquisa,
presentado visualmente a través dunha dilatada serie de gráficos e táboas
-551- susceptibles de distintos itinerarios de consulta, mediante un
sub-menú, segundo os intereses de quen procure neles información.
Así pois, dentro da análise de características básicas,
referida ao total de 3.627 cooperativas rexistradas na data de referencia
aténdese á rexistrar serie de variables, en si e na súa interrelación:
- Distribución provincial
- Data de inscrición.
- Clase.
- Situación actual.
- Orientación económica -CNAE-.
Na observación dos resultados da enquisa, tirados das 596 cooperativas en activo
que colaboraron efectivamente no estudo, das 1.049 presuntamente activas das
que se procurou tal colaboración, as variables observadas, en si e na súa
interrelación, son:
- As antes referidas pero estudadas agora en particular para a mostra.
- A orientación económica -CNAE- declarada respecto da rexistrada.
- A existencia de persoas xurídicas entre os socios e a tipoloxía destes.
- A composición por sexos dos socios persoas físicas.
- A existencia de persoal asalariado e a súa composición.
- A dedicación laboral dos socios traballadores e persoal asalariado.
- A contratación de servizos externos e o tipo destes e de fornecedores.
- A existencia de xerente.
- Unha serie de cuestións de cuestións sobre organización e xestión interna:
asembleas, participación nas mesmas e frecuencia; consello reitor e composición
deste; perfil do/a presidente/a.
- A promoción e participación de/en actividades formativas.
- O capital social.
- A cifra de negocio en 2001, 2002 e 2003.
- A conexión á rede.
- Algunhas referencias ao control de calidade.
- A existencia de investimentos en tecnoloxía.
- Unha serie de cuestións específicas para clases concretas de cooperativas.
Velaí os contidos e posibilidades de consulta que se poñen a disposición da poboación
xeral e dos expertos para un mellor coñecemento do fenómeno cooperativista no
noso país, na súa realidade tanxible.
[1]
Que a mostra real sexa n=596, obedece a que a preparación do informe se iniciou con
anterioridade á recepción inesperada de 2 cuestionarios que respondían a
sociedades previamente clasificadas como "pendentes".